Thursday 09 de May de 2024

Máis de 160 persoas participaron nas dúas visitas teatralizadas á Ponte Ledesma


O Concello de Boqueixón e o de Vila de Cruces organizaron estas actividades, co gaio da conmemoración da batalla que se librou nesta ponte entre veciños e tropas napoleónicas

Máis de 160 persoas participaron nas dúas visitas teatralizadas á Ponte Ledesma, organizadas polo Concello de Boqueixón, en colaboración co veciño de Vila de Cruces. A última das sesións desenvolveuse o pasado sábado 10 de marzo e contou coa presenza de arredor de 50 asistentes. A esta segunda cita acudíu o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, quen se amosou moi satisfeito polo interese suscitado por estas actividades.

Aínda que as previsións meteorolóxicas apuntaban a condicións adversas, o tempo deu unha tregua ata o final do percorrido. Este foi dirixido polo guía turístico e actor Suso Martínez, que encarnou ao Capitán do Armamento Popular de Trasdeza, Benito Martínez, e que levou aos asistentes por puntos de interese coma o Campo do Río, a propia ponte medieval ou a veciña parroquia de Gres.

A través desta personaxe, explicouse aos presentes como no 1809 se libraba unha batalla nesta emblemática ponte entre as tropas de Napoleón e o exército de campesiños. A súa valentía e loita levou a parar, aínda que fose temporalmente, o avance do exército francés grazas ao apoio dos veciños e veciñas que batallaron armados con trabucos e apeiros de labranza.

Dende o Concello de Boqueixón valoraron moi positivamente a boa acollida destas visitas teatralizadas. De feito, a intención é darlles continuade para o próximo ano, cando se cumpran os 210 anos desta efeméride, e incorporando varias novidades.